Saltar ao contido principal

Biografía

Ramón D. Veiga

Os adultos son criaturas cheas de caprichos e segredos.

Roald Dahl

Nacín en Ferrol, ao pé dun mar que cheira a salitre e a estaleiros. Medrei en Fene, estudei Filoloxía na Coruña e hoxe vivo en Vigo, sempre cun ollo no mar e outro nas palabras.

Aprendín o mundo nos libros alleos moito antes de atreverme a escribir os propios, e esa grande afección pola lectura levoume a dedicarme ao mundo da edición. Agora paso os días traballando nos libros doutras autoras e autores mentres, ás agachadas, vou escribindo os meus.

Escribo sobre todo para nenos e nenas, talvez porque nesa idade aínda se cre nas meigas, nos vampiros riquiños, nas miñocas teimudas, nas arañas medrosas e nas festas que non queren acabar nunca. Eu aínda sigo crendo.

Gústame pensar que cada conto meu é unha pequena festa de palabras, un disfraz, unha porta que se abre a un mundo onde o raro é benvido e o imposible ten casa propia.

Tamén, ás veces, miro cara aos adultos e xogo a poñerlles retranca e tenrura ás imaxes e á vida que nos pasa por diante sen avisar.

Penso que a literatura tamén pode ser un acto de irreverencia e xogo. Ao final, se algo me define é esa teima de seguir contando: historias pequenas para lectores pequenos –e non tanto– que, coma min, aínda precisan un anaco de maxia nun recuncho do día.

Logros e recoñecementos

Pernascochas

  • 2026Selección OEPLI
  • 2025I Certame Literario Jaime Olmedo Limeses

Casa pequena

  • 2025Terceiro premio no XXXIX Certame Internacional de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornellà

Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco corrente

  • 2024Premio Frei Martín Sarmiento
  • 2022Premio Arume de Poesía para a Infancia
  • 2022Selección OEPLI

Medo me dá!

  • 2024Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia
  • 2024Selección OEPLI

O delirante restaurante de Héitor Mórtimer e a súa clientela aberrante

  • 2023XV Premio «El Príncipe Preguntón» de Poesía para Niños